Comeza o Verán CampUSC 2026 con todas as súas prazas cubertas
Na xornada inaugural, as persoas participantes tiveron ocasión de coñecerse e comezar a familiarizarse coa dinámica do campamento a través de diversas actividades adaptadas ás súas idades. Entre as propostas do primeiro día salientaron os exercicios de lateralidade, a elaboración dun mural da igualdade, sesións de balonmán e un circuíto de axilidade, combinando aprendizaxes, actividade física e traballo en valores.
O Verán CampUSC ofrece unha programación variada que inclúe actividades deportivas, xogos, obradoiros e propostas educativas orientadas ao desenvolvemento persoal, a convivencia, xunto coa adquisición de hábitos saudables nun contorno seguro e inclusivo.
A organización valorou moi positivamente a resposta das familias, que permitiu completar todas as prazas dispoñibles, consolidando un ano máis o Verán CampUSC como unha das iniciativas estivais de referencia para a conciliación e o lecer infantil.