A Fundación USC no Día Internacional das Mulleres
A Universidade de Santiago de Compostela reafirma o seu compromiso coa construción dunha comunidade universitaria libre de discriminacións, violencias e desigualdades de xénero. O 8M convídanos a reflexionar sobre as fendas que aínda afectan ás mulleres no ámbito académico, científico e profesional, así como a impulsar políticas e accións que garantan a igualdade real e efectiva.
O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres —proclamado polas Nacións Unidas— é unha data de lembranza, recoñecemento e reivindicación. A súa orixe está ligada ás loitas históricas das mulleres traballadoras polos seus dereitos laborais, sociais e políticos, e hoxe constitúe unha xornada global para facer balance dos avances acadados e dos retos que aínda persisten en materia de igualdade.