Ir o contido principal

A Fundación USC participa na inauguración de dúas novas pistas de tenis no Campus Vida

Un momento da inauguración. FOTO: Santi Alvite
Un momento da inauguración. FOTO: Santi Alvite
O evento, no que participaron o Reitor da USC Antonio López, o Delegado do Reitor para o Deporte Javier Rico e o Xerente da Fundación USC, Óscar Hermida, estivo estivo dinamizado polos técnicos deportivos da Fundación.

Coa remodelación das pistas de tenis búscase “dar un pulo importante á práctica deste deporte”, non só no seo da comunidade universitaria, senón tamén entre a cidadanía compostelá. Así o explicou o reitor Antonio López na inauguración destas instalacións que se enmarcan na rehabilitación das instalacións deportivas do campus universitario e que se suman á mellora das pistas de fútbol sala, patinaxe e baloncesto, recentemente acometidas xunto coa renovación da iluminación. En total, a USC investiu 300.000 euros na mellora das infraestruturas deportivas do campus ao longo de 2023.

Deste xeito, a institución consolida o esforzo inversor na renovación das instalacións e servizos da Universidade e a súa posta a disposición da comunidade universitaria, así como do conxunto da cidadanía, a través da programación das escolas deportivas, do club USC e da práctica libre. O delegado do Reitor para o Deporte, Javier Rico, acompañou a Antonio López e a Óscar Hermida, xerente da Fundación USC, no percorrido polas pistas que deberían estar operativas “de forma inmediata”.

En concreto, a intervención desenvolvida centrouse na reforma integral das pistas de tenis 3 e 4 nas que se acometeu a mellora do sistema de drenaxe, o novo firme de xogo, a substitución do peche do perímetro de seguridade, a substitución das luminarias por un sistema LED de máis capacidade luminosa, e a implantación dun novo sistema de control de acceso e iluminación centralizado para mellor comodidade das persoas usuarias.  Investíronse máis de 100.000 euros nesta reforma executada durante o verán, ao longo de tres meses. Dende o 1 de setembro máis de 230 persoas xa se inscribiron na Escola de Tenis da USC para a que aínda queda unha vintena de prazas libres.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2023.