8 de marzo
Manifesto do Día internacional das mulleres da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria

Este día representa unha oportunidade para reforzar o noso compromiso coa igualdade de dereitos, o apoderamento e a ampliación de oportunidades para todas as mulleres. A mocidade será protagonista dos cambios necesarios para alcanzar unha igualdade efectiva; e as universidades debemos ter un papel moi activo no devandito cambio.
En 2025, conmemoramos o 30º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada en 1995 por 189 gobernos na 49 Conferencia Mundial sobre a Muller. Este documento segue sendo o referente global para o avance dos dereitos das mulleres en todas as esferas: educación, saúde, paz, medios de comunicación, apoderamento económico e social, e erradicación da violencia de xénero.
As universidades españolas debemos asumir un papel activo neste cambio, especialmente ante a crúa realidade á que se enfrontan millóns de mulleres no mundo. Só no último ano 612 millóns de mulleres foron vítimas de conflitos armados. Elas son máis vulnerables ao impacto do cambio climático e é alarmante o desequilibrio de xénero no acceso á educación básica dalgúns países. A situación aínda é máis grave cando falamos de mulleres con discapacidade; non en balde, a reforma do artigo 49 da nosa Constitución obriga a atender particularmente as necesidades específicas das mulleres e menores con discapacidade.
A erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade inaprazable, pois unha de cada tres sofre violencia nalgún momento da súa vida e cada 10 minutos unha muller é asasinada pola súa parella ou un familiar. Tamén é imprescindible combater a fenda salarial de xénero e a escasa presenza de mulleres en postos de liderado e toma de decisións en empresas, gobernos e institucións.
Nas universidades debemos consolidar a nosa responsabilidade coa igualdade de oportunidades mediante o compromiso coa eliminación de fendas de xénero, sobre todo nas áreas STEAM, e o recoñecemento e a visibilización do traballo académico e profesional das mulleres. Ademais, urxe a efectiva implantación de políticas de corresponsabilidade e conciliación, así como a verdadeira erradicación do acoso e a discriminación por razón de xénero nas nosas institucións. Do mesmo xeito que a incorporación transversal da perspectiva de xénero en todos os plans de estudo axudaría a concienciar o profesorado e alumnado sobre esta realidade, incidindo no ámbito académico e social.
Os dereitos das mulleres son dereitos humanos e de todas. A igualdade únenos pero a diversidade enriquécenos, polo que é misión fundamental da nosa universidades incorporar a perspectiva interseccional xerando espazos de convivencia, facilitando e flexibilizando o acceso a todos os colectivos, respectando as súas particularidades e propios contextos sociais e culturais, e ofrecendo as ferramentas necesarias ao persoal docente e á comunidade universitaria para educar no feminismo non só desde un enfoque único, senón desde a globalidade.
Desde a REDE DE UNIDADES DE IGUALDADE DE XÉNERO PARA A EXCELENCIA UNIVERSITARIA reivindicamos que as universidades lideren o cambio cara a un futuro máis igualitario, garantindo que cada muller teña as mesmas oportunidades para desenvolverse plenamente. Debemos seguir traballando para construír unha sociedade máis xusta, equitativa e diversa, onde a igualdade non sexa unha meta, senón unha realidade incuestionable.
8 de marzo de 2025