Re—USC, unha iniciativa que combina reciclaxe con acción social

Con Re—USC, a USC mostra un forte compromiso co medio ambiente, reciclando e reutilizando materiais, e tamén engade unha importante dimensión social, xa que o proxecto, desta volta, conta co Arraianas, unha entidade sen ánimo de lucro compostelá. Esta asociación ten un obradoiro de costura no marco dun proxecto de integración social no que 12 mulleres migrantes encargáronse de deseñar e confeccionar artesanalmente as pezas, nunha acción dirixida por Patricia Núñez, de ‘O faiado de Nin’.
O proxecto presentouse na Tenda da Universidade nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida; Pilar Fernández, unha das responsables da Asociación Arraianas, e Diana Viveros, unha das autoras das pezas, quen manifestou estar “moi emocionada e agradecida á vida, á Universidade e á asociación por esta oportunidade”. “Ademais de poder facer o traballo de transformación téxtil, o primeiro que se deu foi a nosa transformación, poder levar mellor no día a día o exercicio de vida como persoa migrada”, dixo.
Precisamente esa vertente social do proxecto foi salientada pola vicerreitora, para quen no proxecto converxen tres valores moi importantes: “a economía circular e outros dous que dan cumprimento a unha das misións da Universidade como son o compromiso social e o compromiso co tecido local”. Murias aproveitou, ademais, para felicitar as mulleres que elaboraron o material “polo seu magnífico traballo, co que se lle dá unha segunda vida ao noso patrimonio efémero”.
Pola súa banda, Óscar Hermida puxo en valor a nova marca, “que achega sostibilidade e unha visión diferente, neste caso dende o ámbito máis local e a través do patrimonio académico, científico e cultural da Universidade”.
Crear pontes coas institucións para así conseguir mellorar os valores sociais é un dos obxectivos que consideran cumpridos con este proxecto dende a asociación Arraianas, “á vez que nos permite visibilizar o noso traballo pero tamén as capacidades das persoas coas que traballamos”, asegurou Pilar Fernández.
Re—USC, marca deseñada polo técnico do Servizo de Reprografía da USC, Alberto Rodríguez, bota a andar con 60 pezas únicas, elaboradas coas lonas cedidas pola Vicerreitoría de Cultura das exposicións ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’, ‘Deber de Baltar. Medicina e Compromiso’ e ‘Dona Emilia e Compostela’ así como da III Feira de Emprendedoras de Compostela 2021.