Ir o contido principal

Verán CampUSC: éxito de convocatoria dunha edición sobresaliente

Actividade ao aire libre do Verán CampUSC 2025
Actividade ao aire libre do Verán CampUSC 2025
O pasado 5 de setembro pechou a edición de 2025 do Verán CampUSC que deita un balance moi positivo ao cubrirse a totalidade ofertadas nas súas quendas e obter unha sobresaliente valoración entre as familias participantes.

A edición do Verán CampUSC 2025, que botou andar o 23 de xuño, celebrou a súa ultima sesión o pasado 5 de setembro. A convocatoria do programa de conciliación estival, organizado pola Fundación USC, tivo unha excepcional acollida ao cubrirse a totalidade das prazas ofertadas nas súas cinco quendas. O Verán CampUSC acadou, así mesmo, unha moi positiva valoración no cuestionario de satisfacción que se achegou ás familias participantes que cualificaron a actividade cun 9,2. 

No programa, no que colaboran a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Santiago de Compostela, os rapaces e rapazas participantes accederon a un amplo catálogo de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros e actividades e saídas culturais. As actividades, especificamente dirixidas a nenos e nenas en situación de desenvolvemento psíquico-físico, integran, de xeito transversal e  cunha perspectiva de xénero,  valores como o esforzo, os coidados hixiénicos e o respecto as normas.

As programacións das cinco quendas abeiraron unha variada oferta deportiva con diferentes probas do atletismo, deportes de equipo clásicos, como o baloncesto ou voleibol, e outros máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch, ademais de xogos tradicionais.

Outras liñas de actuacións estiveron dirixidas a estimular nos rapaces e rapazas novas habilidades persoais, con obradoiros artísticos para potenciar a súa creatividade, e actividades ao aire libre para gozar da natureza, realizando rutas de sendeirismo, carreiras de orientación e descubertas do patrimonio ambiental do campus e a contorna da cidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2025.