Ir o contido principal

O Verán CampUSC mantense como unha ferramenta de conciliación “máis que consolidada” tras 15 anos de vida

Foro de familia do reitor e a vicerreitora xunto ao alumnado. FOTO: Santi Alvite
Foro de familia do reitor e a vicerreitora xunto ao alumnado. FOTO: Santi Alvite
Esta semana conclúe a quinta e derradeira quenda da edición 2023 deste programa dirixido a nenas e nenos nacidos/as entre 2010 e 2019

O Verán CampUSC baixa o pano esta semana convertido nunha acción “máis que consolidada” á hora de promover a conciliación da vida laboral e familiar das familias con nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2010 e 2019. Así o explicou o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida, no transcurso do encontro mantido este mércores 6, no Colexio San Xerome, co reitor Antonio López e coa vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, no que tamén participaron preto de corenta cativos e cativas integrantes da derradeira das cinco quendas que integran esta iniciativa. En total, a edición 2023 deste campus superou o medio milleiro de inscricións e contou con preto de 200 nenos e nenas participantes xa que moitos deles realizan máis dunha inscrición para poder participar en diversas quendas. 

Esta actividade dirixida tanto á comunidade universitaria da USC como ao público en xeral conta xa con quince anos de vida e mantense como unha das opcións de conciliación preferidas polas familias. “Imaxinamos que a contorna, as zonas verdes, o feito de que a cativada non estea todo o día metida nunha aula, a programación variada, o equipo de traballo ou o feito de que esta é unha iniciativa que se atopa no centro da cidade son algúns dos motivos que fan que as familias se decanten polo Verán CampUSC”, explica Óscar Hermida, quen fai unha valoración “moi positiva” desta edición 2023.  

O programa conforma un espazo seguro que acubillou dende finais de xuño un amplo e diverso abano de actividades centrado no desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes coa intención de promover valores de perspectiva de xénero, disciplina, esforzo, integración e hixiene. 

USC e Concello de Santiago de Compostela colaboran no desenvolvemento deste campus que ten lugar de luns a venres (agás festivos) en horario de mañá. Este programa nútrese dunha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais. A USC pon ao servizo das actividades instalacións como a pista de atletismo, salas de espello e tatami, campo de hóckey de herba natural, o pavillón polideportivo ou o campo de fútbol, alén de aproveitar a contorna verde do Campus como pode ser o parque da Alameda ou o río Sarela. 

Contidos

A programación do Verán CampUSC 2023 atende cada ano a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. “É importante destacar que todas as sesións do Verán CampUSC teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, practiquen deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira”, apuntan dende a organización. O núcleo máis importante de actividades ten unha importante base deportiva, dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais da comarca como a estornela ou a chave.

Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais (como o cooking experience) ou obradoiros artísticos (graffiti) e potencien as súas aptitudes e capacidades. “Houbo tamén actividades orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas na contorna natural do propio campus e arredores, e actividades de cultura urbana”, engaden.

Todas estas actividades e dinámicas están adaptadas ás idades dos rapaces e rapazas en función do seu desenvolvemento evolutivo, buscando a socialización e destacando como un espazo lúdico e de aprendizaxe, sempre coa seguridade como premisa básica na súa organización.

Logotipo da Deputación da Coruña
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2024.