
Neste programa, no que colaboran a Universidade de Santiago de Compostela a través da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos e o Concello de Santiago de Compostela, os rapaces e rapazas participantes coñecerán unha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros e actividades e saídas culturais.
Todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas.
Esta edición do Verán CampUSC contará con certas diferenzas con respecto a outras edicións debido á situación sanitaria actual e aproveitaremos todo o aprendido durante a edición de 2020.
Desde a organización coordinamos con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes coma do persoal que dinamizará o programa. Os especialistas aos que nos referimos son: servizo de prevención de riscos laborais, servizos de vixilancia da saúde, autoridades sanitarias e asesoría xurídica en canto á normativa, protocolos de actuación e lexislación.
Así mesmo, antes do inicio da actividade, as familias participantes recibirán toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas para a seguridade de todo o colectivo que formará parte do programa.
Novo prazo de inscrición no Verán CampUSC
O 6 de xuño finalizou o prazo de inscrición para as persoas admitidas na preinscrición.
As persoas inicialmente admitidas no periodo de preinscrición que non formalizaron a súa praza antes do 6 de xuño, perderon a súa reserva de praza e só poderán inscribirse posteriormente no caso de que aínda houbera prazas libres. Nestes momentos só é posible inscribirse na 5ª quenda. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada.
A inscrición formalízase cubrindo o formulario on line de inscrición, facendo o pagamento a través da plataforma online e e enviando a info@fundacionuscdeportiva.org a declaración responsable.